A multinacional Coca Cola embotellará na fábrica Bebidas Gasosas do Noroeste (Begano) en Galicia o novo produto con café dirixido a consumidores adultos que comercializará o próximo exercicio, segundo informaron onte a Europa Press en fontes de Coca Cola
A multinacional Coca Cola embotellará na fábrica Bebidas Gasosas do Noroeste (Begano) en Galicia o novo produto con café dirixido a consumidores adultos que comercializará o próximo exercicio, segundo informaron onte a Europa Press en fontes de Coca Cola España.
A factoría galega asumirá o proceso de embotellado de ‘Coca cola Blak’, unha versión con café da emblemática bebida carbonatada que se lanzará o próximo mes de xaneiro en Francia, e despois estenderase a outros países, como Estados Unidos. A bebida poderase encontrar en “packs” de seis botellas de 25 centilitros, xa que a compañía non prevé comercializar formatos dun ou dous litros.
‘Coca-Cola Blak’ chegará varias semanas despois da saída a venda en Francia da bebida Pepsi Max Capuccino, producida pola gran competidora de Coca Cola no sector das bebidas gasosas.
Begano é unha das sete sociedades embotelladoras independentes en España dos produtos que levan as marcas de Coca Cola e céntrase na fabricación, venda e distribución de bebidas refrescantes, cunha liña de produtos que comprende bebidas carbonatadas, isotónicas, tés e bebidas sen gas. Concretamente, fabrica, vende e distribúe as bebidas Coca Cola, Sprite, Fanta e outras marcas da compañía Coca Cola, tanto por xunto como polo miúdo, a través de calquera sistema de distribución e venda. A planta presenta unha media anual de 272 traballadores e emprega, entre postos directos e indirectos, unhas 800 persoas
Na actualidade, Begano conta cunha planta embotelladora na Coruña, dotada con tres grupos de fabricación, e posúe outras seis delegacións no territorio galego (Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago e Vigo).